Saturday 20 de April de 2024

O Concello instala nos parques infantís cen papeleiras deseñadas por alumnos do CEIP Fernández Latorre


Esta iniciativa, que busca incentivar entre as nenas e os nenos o uso das papeleiras, supón tamén unha renovación estética do mobiliario

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente e a Concellaría de Educación, comezou a instalación de cen papeleiras con debuxos deseñados polo alumnado do CEIP Fernández Latorre. A alcaldesa, Inés Rey, comprometeuse o ano pasado cos estudantes do centro ao redeseño das papeleiras cos seus traballos para darlle outro carácter ao mobiliario, tal e como lle pedían as alumnas e alumnos. As cen papeleiras instalaranse na contorna dos parques infantís da cidade. As primeiras en colocarse estes días foron as do propio centro educativo como agradecemento por tan singular iniciativa. Trátase de catro modelos diferentes que respectan o deseño orixinal de catro alumnas e alumnos de segundo de Primaria.

As papeleiras manteñen os debuxos a man feitos polas nenas e nenos do centro, que foron dixitalizados e adaptados ás dimensións deste mobiliario.

Nos próximos días avanzarase na colocación de todas as papeleiras desta campaña nos distintos parques infantís dos barrios da cidade. As novas papeleiras bsucan concienciar á mocidade sobre a necesidade do seu uso para depositar os residuos, mais busca tamén dinamizar estéticamente o mobiliario público para facelo atractivo máis alá da súa utilidade.

Inés Rey agradece aos alumnos do Fernández Latorre a singular iniciativa, e anima a outros centros a aportar tamén ideas innovadoras para mellorar o espazo público.